Atlas de morcegos de Galicia
Ciencia Cidada
Morcegos na casa
Acordos de custodia
Caixas Refuxio
  • Plecotus auritus (Foto de Roberto Hermida)

Nome científico

Plecotus auritus

Nome común

Orelludo dourado


Familia

Familia Vespertilionidae


Xénero

Xénero Plecotus


Visita o atlas de distribución

Descrición

Especie de tamaño mediano [♂♂: peso 8,1 (6,7-9,3) g; lonxitude antebrazo 39,6 (37,0-41,9) mm / ♀♀: peso 8,9 (7,3-11,0) g; lonxitude antebrazo 39,6 (37,4-41,2) mm]. Os Plecotus son inconfundibles con morcegos doutros xéneros, aínda que poden confundirse sinxelamente entre si. P. auritus diferenciase de P. austriacus por presentar un pulgar máis longo (> 6,5 mm) e pola forma do pene, cilíndrica e rematada en punta, mentres en P. austriacus ten forma de maza e remata nun engrosamento. Presenta unha cor xeral máis parda, especialmente no rostro, orellas e trago.

Distribución

Distribuida por toda Galicia e frecuente, desde a beira do mar ata os 1600 msnm. Non está citada en moitas cuadrículas por falta de prospeción.

Refuxio

Coñécense colonias de cría en construcións e en árbores. Observáronse exemplares aillados en cavidades, fendas en construcións e árbores.

Hábitat

Ocupa casi calquera hábitat con arborado, tanto frondosas como coníferas ou bosques mixtos. Caza insectos pousados grazas á elevada capacidade auditiva que lle proporcionan as súas orellas, polo que non é raro que entre en galpóns e cortes a cazar.

Ecolocación

É difícil detectar Plecotus polas súas emisións ultrasónicas, dado que emiten con moi pouca intensidade e frecuentemente deixan de emitir durante a aproximación ás presas. Os pulsos característicos, claramente modulados e de curta duración, presentan un marcado segundo harmónico que amplía o ancho de banda do pulso, que abarca desde 90-20 KHz. Aínda que se indicaron algúns rasgos distintivos dos pulsos de P. auritus y P. austriacus, na práctica non é posible realizar unha asignación específica das grabacións obtidas na natureza.


Coa colaboración de

Deputación DA CORUÑA
MORCEGOSDEGALICIA.ORG • Ecoloxía e conservación dos quirópteros galegos
info@morcegosdegalicia.org