Atlas de morcegos de Galicia
Ciencia Cidada
Morcegos na casa
Acordos de custodia
Caixas Refuxio
Inicio ProxectosMorcegos en Carballeiras

Morcegos en carballeiras

As carballeiras da reserva da biosfera Terras do Miño

Morcegos de Galicia leva estudando os morcegos da reserva da biosfera Terras do Miño desde o ano 2006.

En 2015 este estudo víuse impulsado ao comezar a coorganizar o campo de traballo insuaCAMP, xunto coa Asociación Galega de Custodia do Territorio e coa financiación da Deputación de Lugo, que permitíu afondar no coñecemento da fauna de morcegos ligada aos bosques aluviais chairegos e a súa contorna.

Froito deste traballo fíxose evidente a ligazón dalgunhas especies ameazadas de morcegos con bosques culturais e, en concreto, da importancia das carballeiras antigas para as especies Myotis mystacinus, Myotis bechsteinii e Nyctalus lasiopterus.

No ano 2022 comezamos un proxecto específico nas carballeiras da Reserva da Biosfera Terras do Miño, subvencionado pola Deputación de Lugo. Desde entón mostreamos carballeiras de 9 concellos da reserva, tanto con mostraxe acústica pasiva como facendo capturas con redes. Ampliamos o coñecemento das tres especies obxectivo e obtivemos datos para outras especies forestais de gran interese, aínda que non estean incluidas no catálogo galego de especies ameazadas: Myotis alcathoe e Myotis crypticus.
Ata o momento fixéronse mostraxes nos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Pol, Vilalba, Muras, O Páramo, O Corgo, Meira e Xermade.

As carballeiras da provincia da Coruña

En 2024 ampliamos o estudo de morcegos ameazados en carballeiras á provincia da Coruña, nun proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña. Mostreamos 8 carballeiras e 2 sitios swarming. Obtivéronse importantes datos de distribución das tres especies obxectivo: Myotis mystacinus, Myotis bechsteinii e Nyctalus lasiopterus, así como doutras especies forestais de interese. Tamén permitiu identificar un novo sitio swarming e caracterizar a fenoloxía doutro xa coñecido.

Paralelamente, atopamos novas localidades para especies moi escasas na provincia da Coruña, como Myotis myotis e Miniopterus schreibersii.
En total, obtivéronse datos para 18 especies de morcegos, 8 delas incluidas no catálogo galego de especies ameazadas.


Coa colaboración de

Deputación DA CORUÑA
MORCEGOSDEGALICIA.ORG • Ecoloxía e conservación dos quirópteros galegos
info@morcegosdegalicia.org