Morcego de pequeno tamaño [♂♂: peso 5,4 (4,6-6,0) g, lonxitude antebrazo 34,6 (34,0-36,2) mm / ♀♀: peso 5,5 (5,4-5,6) g, lonxitude antebrazo 36,0 (35,5-36,5) mm]. É semellante, morfolóxicamente, a M. alcathoe, do que se diferencia pola coloración escura na base de orellas e trago, rostro e pelaxe en xeral. Podería confundirse con M. daubentonii nathalinae pero o pé é de menor tamaño (lonxitude inferior á metade da lonxitude da tibia) e o uropataxio insértase no quinto dedo do pé.
A súa distribución en Galicia é meirande do que se lle atribuíu inicialmente. É especialmente abundante nos bosques da montaña oriental, pero detectouse tamén no curso medio do Eume e nos cursos altos de Miño, Sor, Umia e Lérez. Confirmouse a súa reproducción nos vales do Eume e do Umia.
Identificáronse poucos refuxios en Galicia, todos eles en cavidades ou baixo o lousado de construcións antigas. Noutras zonas de Europa nas que está mellor estudado compórtase como unha especie arborícola.
Aparece por riba dos 300 msnm en áreas con importantes masas de árbores caducifolios.
Os seus pulsos son semellantes ós doutros Myotis, cunha compoñente de frecuencia modulada (FM) de amplio espectro (70-30 Khz) e curta duración. Ata o momento non é posible a súa identificación a través do análise de ultrasóns.
Coa colaboración de