A presenza da especie migradora Pipistrellus nathusii en Galicia foi confirmada por Morcegos de Galicia en 2021 (Arzúa et al., 2021). Galicia representa, deste xeito, o extremo sudoeste da área de distribución da especie a nivel mundial. Porén, os datos dos que dispoñemos ata o momento son moi escasos e limítanse a citas no periodo postreproductivo, cuns poucos puntos de presenza confirmada e varios puntos máis de presenza probable, todos eles distribuidos ao longo da costa ou en humidais cercanos.
Descoñécese aínda a extensión da súa área de distribución en Galicia e se a especie presenta un carácter exclusivamente migrador ou hai exemplares residentes.
Estamos a realizar mostraxes acústicas pasivas ao longo da costa galega tanto na época reproductora coma na postreproductora. Nalgúns dos puntos nos que se confirma a presenza da especie realizaramos, ademáis, estacións de captura co fin de obter datos fisiolóxicos e poboacionais.
Contamos en todo o proceso coa participación de persoas voluntarias do equipo de ciencia cidadá, o que permita ampliar o esforzo de mostraxe e implicar á sociedade no estudo e conservación da biodiversidade.
Este proxecto está parcialmente financiado pola Deputación da Coruña con arreglo ao Programa DP0036 de axudas a entidades sen fins de lucro para o cofinanciamento de proxectos de investimentos no ámbito do medio ambiente do ano 2022 e ao Programa DP0031/2022 de axudas a entidades sen fins de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente durante o 2022.
Se queres colaborar, escribe a info@morcegosdegalicia.org
Coa colaboración de