Da cabalo dos concellos de Bueu e Marín, na península do Morrazo, persiste a duras penas unha das mellores carballeiras do litoral das Rías Baixas.
Conformada por carballos (Quercus robur) de gran porte e desenvolvemento en altura, esta carballeira acubilla unha interesante diversidade biolóxica resultante da combinación da influencia mediterránea e unha magnífica representación de elementos setentrionais.
Entre a fauna presente nestas carballeiras destaca a única poboación reproductora do morcego de Bechstein (Myotis bechsteinii) coñecida en Galicia.
Foi a presenza da poboación reproductora de Myotis bechsteinii, especie catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e incluida nos Anexos II e IV da Directiva Hábitats, nun entorno ameazado polas talas ilegais, o avance do eucaliptal e proxectos industriais, o que nos levou a por en marcha o proxecto de conservación destas carballeiras.
En 2009, xunto co Grupo de Anelamento Anduriña, mercamos unha parcela nunha das carballeiras mellor conservadas da zona.
Durante 2012, e grazas ao patrocinio de Conservas Antonio Pérez Lafuente, estamos a abordar un estudo que permitirá coñecer as necesidades de hábitat das femias desta poboación de morcego de Bechstein durante unha etapa fundamental do período reproductor e, deste xeito, dirixir eficazmente futuros esforzos para a súa conservación.
O morcego de Bechstein está a facer, neste entorno, de especie paraugas para outras especies de morcegos forestais presentes, como Nyctalus leisleri, Myotis escalerai ou Barbastella barbastellus.
E non só hai morcegos: estas carballeiras acobillan unha das máis densas poboacións de azor (Accipiter gentilis) da Península Ibérica e poboacións de plantas ameazadas como Ajuga pyramidalis, Veratrum album, Narcissus cyclamineus ou Stachys sylvatica; xunto con outras interesantes especies de cogomelos, brións, liques, insectos...
Coa colaboración de