O morcego de ferradura pequeno é unha das especies de quirópteros máis ameazadas en Europa. A transformación dos hábitats e o uso xeralizado de pesticidas ou a desaparición de refuxios, apúntanse como as principais causas do declive das súas poboacións. Deste xeito, extinguiuse hai pouco tempo en Bélxica e Holanda, e os seus efectivos reducíronse en Alemaña, Suíza e Italia.
En Galicia, é unha especie común, amplamente distribuída polo territorio. Lamentablemente, a falta de datos históricos sobre a evolución das poboacións galegas impídenos avaliar correctamente a súa actual situación poboacional.
Este proxecto de investigación pretende ser unha ferramenta de conservación baseada no estudo xenético do morcego de ferradura pequeno. Non debemos esquecer que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) traballa a tres niveis: a conservación da diversidade dos ecosistemas, a diversidade das especies e a diversidade xenética. Coñecer a diversidade xenética da especie en Galicia permitiranos identificar e delimitar as súas poboacións, estimar o pasado evolutivo das súas linaxes - se están en expansión, equilibrio ou declive - e detectar que poboacións están ameazadas e cales son fundamentais para a súa conservación. Poderemos, tamén, establecer o parentesco entre poboacións, inferir as rutas de colonización e revelar aqueles elementos da paisaxe fundamentais para o mantemento da comunicación entre poboacións, é dicir, do fluxo xenético entre elas. Coñecer estes elementos paisaxísticos permitiranos realizar unha axeitada toma de decisións respeto da xestión e conservación da especie.
Cos resultados deste proxecto obteremos unha valiosísima información que nos axudará a coñecer e a conservar o morcego de ferradura pequeno, non só en Galicia, senón en toda a súa área de distribución.
Coa colaboración de