Como calquera outra especie silvestre, os morcegos poderían transmitir certas enfermidades no caso de chegar a mordernos, pero só intentarán mordernos no caso de que os collamos coa man. Por iso non se deben capturar nin manexar coa man se non é por persoal especializado. En canto ó guano, só pode chegar a supoñer un problema sanitario no caso das grandes acumulacións típicas de colonias moi numerosas. Polo xeral, cunha limpeza periódica na época de actividade é suficiente.
Cando entramos nunha estancia na que hai morcegos, estes asústanse e comezan a revolotear. A pesares de ter un voo habilidoso, nas estancias pequenas e cando o número de morcegos é elevado, non é raro que choquen contra nós. Non existe, neste feito, ningún perigo para nós: ¡os morcegos non teñen intención de agredirnos nin se enrredan no pelo!
Todas as especies de morcegos de Europa son insectívoras. A súa aguda dentición é quen de perforar os duros exoesqueletos dos insectos, pero non está preparada para roer grans de cereal ou chourizos.
Só hai tres especies de morcegos no mundo que se alimenten de sangue e as tres habitan en zonas tropicais de América. Estas especies efectúan unha pequena incisión na pel a través da cal obteñen o sangue, que flúe grazas a un anticoagulante presente na súa saliva. Desmodus rotundus, a especie hematófaga máis común, aliméntase principalmente de sangue do gando e víuse favorecida pola expansión das zonas gandeiras a costa do bosque tropical, ata o punto de ser obxecto de medidas de control por parte dos gandeiros e autoridades das zonas nas que habita. Medidas que adoitan afectar negativamente a outras especies non hematófagas máis sensibles.
Coa colaboración de